terça-feira, fevereiro 05, 2008

Teo Ramírez, coordinador do proxecto Galinux Slax

Galinux Slax, o software libre de referencia para o ensino galego

Arredor de cen programas, a meirande parte de contido educativo, unha máxima seguridade e fiabilidade, doado de utilizar e de custe cero. Estes son algúns dos rasgos que poderían definir o Galinux-Slax, unha iniciativa de software libre para o ensino liderada polo profesor do IES Concepeción Arenal Teo Ramírez e que vén de conseguir un premio da Xunta de Galicia.

REPORTAXE DE P.C.R. 04.02.2008 Diario de Ferrol
Teo Ramírez, coordinador do proxecto e profesor no Concepción Arenal, diante da web de Galinux LUIS

O pasado mes de decembro, a Consellería de Educación facía pública a resolución da convocatoria de premios a recursos educativos para a sociedade da información para o profesorado de centros de ensino non universitario en varias categorías. Nunha delas, concretamente a relativa a aplicacións de software libre, o terceiro premio, dotado con 3.000 euros, recaeu nun proxecto "made in Ferrol".

Trátase de Galinux-Slax, unha distribución de Linux -sistema operativo gratuito e de código aberto- deseñada para o ensino. A iniciativa partiu do profesor de Música do IES Concepción Arenal Teo Ramírez, nun intento de seguir o camiño emprendido anos antes por outras comunidades autónomas como Extremadura de facer unha aposta decidida polo Linux no eido educativo.

Así, no outono de 2006, aparecía a primeira versión para usuarios. Aos poucos meses, o propio Ramírez integrou, xunto a outros dez profesores, un grupo de traballo no Centro de Formación e Recursos de Ferrol que, baixo a dirección do asesor Xoán Carlos Albarellos, continuaron a traballar na distribución coa finalidade de "facer, traducir ou adaptar máis programas e ferramentas para Galinux-Slax", explicou.

Agora, case dous anos despois, a distribución dispón de arredor de cen programas, unha boa parte deles educativos de utilidade para docentes e alumnos (actividades interactivas de física e matemáticas, repaso de latín, alfabetos internacionais, entreador de vocabulario, actividades de Infantil e Primaria, etc), segundo explicou Ramírez, pero tamén moitos outros relacionados con Internet (navegadores Firefox, Opera..., mensaxería, googleEarth ou xestores de correo electrónico), Multimedia, Ofimática, Seguridade e outros, que se poden descargar de xeito totalmente gratuito, sen ter que pagar ningún tipo de licencia.

Entre as características máis salientables de Galinux Slax, Teo Ramírez destaca que "é moi doado de instalar e o seu manexo é moi fácil. Ademais é moi seguro, xa que por defecto non te deixa modificar a estrutura do disco duro", comentou. "Cremos que a nivel mundial non hai outro máis sinxelo de instalar e manexar", engade.

E é que a filosofía é clara: "que sexa sinxelo, en galego e destinado fundamentalmente á educación, xa que tratamos de meter programas que non existían noutros sistemas operativos".

Colaboración > Na actualidade, xunto con Ramírez colabora de xeito estable neste proxecto a profesora do IES As Telleiras María Estraviz, a quen tamén lle corresponde, según o profesor, o premio outorgado pola Consellería de Educación, así como outras dos persoas, un catalán e un irlandés, o que fai que entre os planes do grupo estea a idea de facer as versións desta distribución en galego en castelán, catalán e inglés. Precisamente neste tema do apoio e a colaboración, Teo Ramírez bota en falta a implicación de máis xente da comunidade galega, xa que agora mesmo "atopamos máis axuda en xente doutros países". Tras comezar coa versión 1.0 -na actualidade atópase na 1.4- o profesor do IES Concepción Arenal agarda poñer na vindeira primaveira a disposición dos usuarios a versión 2.0. que "será mellor", di Ramírez.

O profesor quixo facer un chamamento para que todas as persoas interesadas en colaborar en Galinux se poñan en contacto con eles a tavés do enderezo www.galinux.org, dominio no que se atopa o traballo coordinado por Teo Ramírez.
_________

Noticia publicada no xornal Diario de Ferrol
[04.02.2008]
________________
--> Ler máis...[+]

Últimas notícias: As notícias mais recentes do mundo da informática

Últimas atualizaçons: Dicas, artigos, análises, tutoriais e guias

Novidades no Fórum da Comunidade de mais de 175.000 usuários

Ediçons da RevistaGDH: Veja os últimos lançamentos da RevistaGuiadoHardware.net e seus conteúdos